domingo, 6 de enero de 2013

RECORDANDO A MIGUEL



Sabemos que a morte dun ser querido sempre é dolorosa, porque a ausencia é moi dura e botamos en falta a súa presenza física. Cústanos aceptala, aínda que forma parte da mesma vida. Tendemos a sumirnos na desesperación e parécenos que non imos sorrir nunca máis; mesmo que facemos algo malo se intentamos ser felices. Pero pouco a pouco podémonos ir decatando de que iso non é así; que non debe ser así.

Alguén, non sei se católico ou non, dixo que unha persoa non morre de todo mentres permaneza viva no recordo. Eu engadiría que canto mellores se busquen eses recordos, máis viva está a persoa.
Vai xa un ano do falecemento do noso anterior párroco e amigo, Miguel. Fisicamente non está connosco, pero segue moi vivo, moi presente porque as súas pegadas están en nós. Pegadas como a alegría de sentirnos amados e amadas por Deus, Pai/Nai, de xeito incondicional, e a confianza de sabernos acompañados sempre por El e acollidos cunha fonda e amorosa aperta cando chega o momento da nosa morte.

Como crentes, á luz da fe, proclamamos en cada misa que cremos na Resurrección, de Xesús e de toda a humanidade con El. Por iso, con esta certeza, o sábado 12 de xaneiro, ás 12 da mañá, celebraremos unha eucaristía na que lembraremos de xeito especial a Miguel, dando grazas pola súa vida, polo que aportou aos demais, por todo o vivido e compartido e pola Vida Plena ao lado do Pai, á que todos estamos chamados.

Esperámosvos para participar nesta xuntanza familiar na que arremuiñados ante a mesa fraterna, compartiremos Palabra, Pan e Viño, facendo deste encontro unha verdadeira acción de grazas, coa alegría e seguridade de que Miguel e todos os demais defuntos nos acompañan gozando xa da Plenitude á que nós tamén chegaremos algún día.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar se algún comentario non debe ser publicado, co obxectivo de manter un diálogo respectuoso, enriquecedor e fluido.